Comunicado «En defensa da Serra do Iríbio»

solB1b

Triacastela, a 20 de Xullo de 2009

O pasado xoves, día 16 de Xullo, ven de se publicar no DOG a resolución pola que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do «Parque Eólico Oribio», nos concellos de Triacastela e Samos.

Desde a Asociación Socio-Cultural «O Iribio» queremos manifestar a nosa máis absoluta e rotunda OPOSICIÓN a este atentado contra a nosa terra e o noso futuro::

1

É UNHA AGRESIÓN IRREVERSÍBEL AO MEDIO AMBIENTE. Este parque eólico está situado na Rede Natura 2000, a rede de espazos naturais protexidos no ámbito da Unión Europea creada en virtude da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, coñecida como Directiva Hábitats, co gallo de salvagardar os espazos naturais máis representativos da diversidade de hábitats e especies de Europa. Evidentemente este parque é unha actividade INCOMPATÍBEL coa Rede Natura.

O obxectivo global da Directiva Hábitats, é “contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros”. Para o cumprimento deste obxectivo global, a Directiva está estruturada en dous grandes obxectivos máis concretos: a creación da rede Natura 2000 e o sistema de protección global das especies.

A Directiva Hábitats crea a rede ecolóxica europea coherente de zonas especiais de conservación. Esta rede de lugares terá que garantir o mantemento (ou o restablecemento) nun estado de conservación favorabel dos tipos de hábitats naturais e dos hábitats das especies na súa área de distribución natural dentro do territorio da Unión Europea.

A Xunta de Galiza, mediante o Decreto 72/2004 tamén declarou a todos os espazos naturais dentro dun LIC baixo a figura de Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), incluindoos desta forma na Rede Galega de Espazos Protexidos segundo o estabelecido na Lei 9/2001 da conservación da natureza de Galiza. Esta declaración implica estes espazos deberán contar cun Plano de Conservación.

Os valiosos hábitats existentes nas áreas ocupadas polo eólico ainda non contan con un estudo detallado, porén o LIC enteiro está afectado por un Plano de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) que os está a estudar en profundidade, e que legalmente impide calquer actividade que poda modificalos mentras non se finalice a elaboración deste plano.

A propia documentación aportada pola empresa na sua solicitude recoñece que afectan seriamente a 4 hábitats e contabilizan na zona ocupada polo parque eólico mais 30 especies ameazadas reguladas legalmente con diversos graus de protección.

A autorización deste parque eólico neste lugar contradice todas as medidas de protección da natureza, e de levarse a cabo destruirá un patrimonio natural que se perderá para sempre, privando as futuras xeracións do uso do seu valor.

2

É UNHA AGRESIÓN AO PATRIMONIO MATERIAL E INMATERIAL DO CAMIÑO DE SANTIAGO, nunha das serras máis emblemáticas dun camiño declarado Ben de Interese Cultural (desde 1962), Primeiro Itinerario Cultural Europeo (desde 1987) e Patrimonio Cultural da Humanidade (desde 1993), estando este parque localizado totalmente na súa área de protección e cun impacto paisaxístico fulminante.

Os aeroxeneradores incluidos de uns 100 m de altura están proxectados no cimo dunha montaña de 1.440 m de altitude e serán visíbeis desde o Bierzo ou Lugo capital. O impacto visual afectará a enormes áreas do territorio e malamente se poderá minimizar “decorando os muiños con motivos xacobeos” ou “plantando vexetación para tapar as vistas” como rezan as insultantes medidas correctoras propostas pola administración.

3

É UNHA AGRESIÓN AO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO E HISTORICO DO «CAMIÑO REAL» que transcurre pola cresta do monte e sobre o que se situarán literalmente os aeroxeneradores. Este camiño medieval ten as súas orixes na época romana, e nel atópanse neveiros e restos arqueolóxicos ainda por evaluar, nunha zona da Galiza onde se están facendo espectaculares achádegos.

O parque eólico foi autorizado sen o mais mínimo estudo ou calquer sensibilidade no referente ao patrimonio arqueolóxico, malia que os expertos alertan do seu elevado interese.

O Camiño Real é ademais unha ruta de sendeirismo que ao caracter histórico se lle suman unhas impresionantes vistas e o disfrute de espazos naturais exclusivos, polo que as suas posibilidades de explotación para o ecoturismo outorganlle un grandísimo valor.

4

É UNHA AGRESIÓN AO DESENVOLVIMENTO SOCIOECONÓMICO DOS CONCELLOS AFECTADOS, onde non aporta ningún posto de traballo directo nin indirecto, no entanto perxudica seriamente a economía complementaria da agricultura predominante ligada ao turismo rural e xacobeo, que é a única que medra positivamente nestes concellos.

Resulta contradictorio investir en desenvolvimento rural, en promoción do Camiño de Santiago, subvencións e programas con fondos comunitarios como o Leader+, LIFE+, etc, fondos para a conservación da natureza, cando despois se introduce un parque eólico incompatiblel coa lóxica destes investimentos e que bota por terra todo o esforzo público e privado de desenvolvimento en concellos onde o principal problema é a alarmante perda de povoación e a emigración a vilas próximas debido as poucas alternativas económicas a unha agricultura en crise.

5

É UN INSULTO Á LEXISLACIÓN E PROCEDIMENTOS ADMINISTRATIVOS sendo unha sucesión de irregularidades desde o inicio da sua tramitación en 2004 onde se lle concedeu como FAVORÁBEL unha Declaración de Impacto Ambiental con todo tipo de erros de fondo e forma. Unha Declaración de Impacto Ambiental é un complexo informe que require unha serie de informes previos de outras consellarias e organismos, ausentes neste caso, e cuxa tramitación require case dous anos. A Declaración de Impacto Ambiental para este parque foi elaborada NO ESPECTACULAR PRAZO DUN MÉS, co governo Fraga en funcións despois de perder as elecións e foi asinada polo Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o DIA ANTES DO SEU CESAMENTO, que deu o visto bo a un expediente chapuceiro e cheo de erros e no que faltaban importantes informes e estudos previos. Ademais, claro, de “pechar os ollos” diante do verdadeiro impacto que este parque produce.

6

É UN INSULTO AOS VECIÑOS aos que se lles negan permisos para actividades demostradamente sostíbeis dentro da Rede Natura para logo autorizar algo tan agresivo como este parque eólico.

Impidese a construcción dun simple galpón polo “impacto” que ten no Camiño de Santiago, desde o que a maioria das veces nen se ve, e logo autorízanse muiños que se ven a 80 Km.

Negase o permiso para ampliar as instalacións a un veciño emprendedor que ten a única fábrica galega de instalacións deportivas, actividade totalmente sostíbel e compatibel coa conservación da natureza e do patrimonio, e que pretende empregar a 100 persoas da zona, e o mesmo tempo autorizase unha actividade incompatibel e que non emprega a ninguén.

7

É UN PRECEDENTE para novas concesións en espazos protexidos, que realmente é o que busca este parque de dubidosa rendabilidade, que principalmente pretende abrir as portas a construcción masiva deles nos espazos protexidos das serras orientais.

Polos motivos anteriormente expostos, a Asociación Socio-Cultural O iribio iniciou xa accións para impedir a construcción deste parque eólico.

Presentamos xa un recurso de reposición á licenza municipal de obras no Concello de Triacastela ao detectarmos diversas iregularidades que consideramos que a anulan.

Nos próximos dias formalizaremos tamén un recurso de reposición perante a Xunta, e imos levar este tema aos tribunais se a administración non rectifica na sua neglixencia.

Paralelamente iniciaremos charlas informativas nos próximos días nos concellos afectados, onde explicaremos pormenorizadamente os problemas que este parque ocasionará aos veciños e as alternativas de futuro que o parque nos impide. Estas charlas estarán abertas a todo o mundo e tentaremos fomentar un debate constructivo, onde terán voz todos os asistentes. Trataremos de implicar aos colectivos afectados de forma mais directa como son as comunidades de montes e o sector hostaleiro.

Nesta semana botará a andar tamén unha campaña de recollida de sinaturas baixo o lema «O Iribio: outro futuro, que non o leve o vento!» que lle serán entregadas á administración esixindo a paralisación desta barbaridade.

Procuraremos sensibilizar e movilizar a todas cantas presoas podamos porque queremos que o futuro sexa algo diferente da depredación, destrucción e desertificación social do rural.

IRIBIO: OUTRO FUTURO

QUE NON O LEVE O VENTO !

 silueta_LR

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s