Solicitamos a declaración de BIC da Cova de Eirós

cova_eiros

Á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural daConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

EXPOÑEMOS

QUE a Cova Eirós é unha gruta natural na aba norte do monte Penedo, na Serra do Iribio, entre as localidades de Cancelo e Vilavella, ambas as dúas no concello de Triacastela. De difícil acceso, está localizada sobre unha gran encosta que cae sobre o rego Bezcas, que flúe sobre o val de Cancelo. A caverna resultado de fenómenos cársticos sobre rocha calcaria, é un xacemento arqueolóxico que forneceu materiais líticos pertencentes ao Paleolítico Medio e Superior, xunto con restos de fauna e flora da época.

A caverna de Cova Eirós vense excavando por paleontólogos, desde os inicios da década do 1990 debido as evidencias da ocupación da mesma polo oso das cavernas (Ursus spelaeus); atopándose nas excavacións restos de mais de 40 individuos desa especie e doutros mamíferos como cervos e cabalos, preséntandose os resultados dos estudos en 1993. Dos mesmos viña resultar que a caverna representaba o límite de expansión occidental do Ursus spelaeus.

Nese mesmo ano 1993, iniciouse unha segunda campaña, neste caso arqueolóxica, na que se excavou na entrada da cabidade, lugar que se adoitaba ocupar no paleolítico nas covas; descubríndose un total de cinco niveis, tres deles con gran potencia arqueolóxica. Os dous primeiros revelaron industria lítica do Paleolítico Superior, principalmente realizada sobre cuarzo. Unha sondaxe no nivel inferior revelou que podía conter materiais máis antigos, do Paleolítico Medio

Os arqueólogos vencellados ás universidades de Santiago de Compostela, de Cantabria e da Rovira i Virgili, confirmaron a fins do verán de 2008, o achado de materiais líticos que, sen dubidar, están adscritos ao Paleolítico Medio e, polo tanto, a humanos neandertalenses. Os útiles de pedra estaban traballados con técnica Levallois, e predomina como material base o cuarzo. Atopouse tamén instrumental óseo. Aínda que non se atoparon restos fósiles humanos, si que se atoparon restos de fauna (cérvidos, bóvidos e úrsidos) e flora (pole) asociados. A datación inicial das descubertas calculouse para uns 35.000 atrás.

Os últimos achados de Cova Eirós non son os primeiros que se realizan en Galicia pertencentes ao Paleolítico Medio (hainos no Baixo Miño e na depresión da cidade de Ourense, p.ex.), aínda que son escasos en conxunto pero esta gruta, ademais de subministrar unha interesante industria lítica (realizada en boa medida sobre cuarzo, un material difícil de traballar), permitirá coñecer a contorna ambiental que rodeaba nesa época aos neandertalenses do Iribio. Isto facilitará tamén a comparación con outros xacementos coetáneos, especialmente do resto da Península Ibérica e, especialmente, os máis próximos.

A recente datación dun novo nivel arqueolóxico na Cova de Eirós ten ampliado o panorama temporal representado neste xacemento, que é agora o mostrario mais extenso do Paleolítico galego concentrado nun só lugar e que teña podido datarse con métodos radiométricos. A última datación, dada a coñecer en 2012, corresponde a un conxunto de artefactos de 12.000 anos de antigüidade correspondente á etapa final da Cultura Magdaleniense.

Con anterioridade, os arqueólogos xá dataran outras industrias pertencentes a un período mais arcaico desa cultura. Na cova tiñanse identificado ademáis outras culturas do Paleolítico Superior – gravetiense e auriñaciense –, así como industrias musterienses de diferentes períodos do Paleolítico Medio, obra do home de Neardental.

Segundo aponta Arturo de Lombera, codirector das excavacións que neste xacemento levan as universidades de Santiago de Compostela e Tarragona, «noutras partes de Galicia teñense encontrado industrias paleolíticas mais antígas e mais recentes, pero en ningún outro lugar se pudo reconstruir unha secuencia coronlóxica tan longa como esta». Isto converte á Cova de Eirós no principal referente para o estudo da prehistoria remota do noroeste ibérioc, xa que en ningún outro lugar pode apreciarse con tanta claridade a evolución cultural e tecnolóxica das diferentes poboacións que tiñan ocupado este territorio.


Para averiguar a idade dos niveis mais recentes do xacemento, utilizouse o carbono 14, que permite datar restos orgánicos até 40.000 anos. Nos mais antergos, utilizouse a termoluminiscencia do cuarzo, coa que se pode retroceder muito mais no tempo.

Os investigadores esperan que este extenso panorama cronolóxico poda ampliarse ainda máis nun futuro cercano, xa que o subsolo da gruta poderia conter tamén rastros de épocas anteriores ao home de Neardental.

A conservación de materiais orgánicos débese á condición de pH básico dos terreos calcáreos nos que se localiza Cova Eirós, o que non adoita acontecer na maior parte de Galicia, onde predominan chans ácidos que a penas permiten a conservación de restos orgánicos


QUE a importancia arqueolóxica da Cova de Eirós está sobradamente provada e documentada.

QUE é evidente que estamos ante un elemento patrimonial que, conforme aos criterios da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galiza, ben merece ser declarado como Ben de Interese Cultural.

SOLICITAMOS


PRIMEIRO: Que por parte desa Consellería de Cultura e Turismo se proceda de inmediato á incoación do correspondente expediente de declaración da Cova de Eirós e o seu entorno como ben de interese cultural e súa inclusión no Catálogo do Patrimonio cultural de Galiza.

SEGUNDO: Que, coincidindo coa incoación deste expediente de declaración ou catalogación, se definan as medidas cautelares concretas que, en aplicación do disposto no artigo 18.2 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, se prevén no Título II da antedita Lei.

Triacastela, 21 de febreiro de 2012

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s