ADEGA súmase á nosa nova solicitude de BIC para a Cova de Eirós

cova_eiros

ADEGA vén de solicitar a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural) para a Cova de Eirós do Concello de Triacastela nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Educación e Cultura. Esta cova da montaña oriental garda restos arqueolóxicos e paleontolóxicos de grande valor para reconstruír a historia de Galiza dos últimos 100.000 anos; pese a iso, pode estar en risco, ao atoparse no medio dunha explotación de pedra calcaria cuxa concesión chega sobre a vertical da entrada á cavidade. De saír adiante esta petición, sería a primeira cova galega en adquirir o rango de BIC. Preme eiquí para descargar a solicitude.

Nela atopáronse obxectos, restos humanos e faunísticos que a converten nun dos xacementos de maior interese científico e patrimonial do país. Alí, apareceu o adorno mais antigo de Galiza, un colgante datado en máis de 26.000 anos, o que dá testemuña da primitiva ocupación da nosa terra por seres humanos desde o paleolítico medio. Ademais de numerosos restos de habitación de máis de 100.000 anos, a cova garda pegadas da ocupación por fauna do cuaternario, mesmo do oso das cavernas (Ursus espelaeus), que a converten no exemplo máis occidental de Europa do hábitat desta especie. A cova de Eirós conserva así mesmo rabuñaduras de oso nas paredes que supoñen unha valiosa testemuña de que o animal habitou dentro da cova.

Moitos outros achádegos permiten reconstruír o ambiente e a ecoloxía da parte máis occidental de Galiza, a máis vella xeoloxicamente falando, e que está a se revelar como unha zona de grande produción  arqueolóxica e paleontolóxica. De feito, as universidades da Coruña e de Santiago de Compostela, a de Cantabria e a Rovira i Virgil de Catalunya  desenvolveron varios estudos neste xacemento de Triacastela polo elevado interese que representan os restos alí atopados. Porén, aínda fican estratos que deben ser explorados, valorándose en cinco os niveis de sedimentos que poden ser produtivos arqueoloxicamente.

Pese aos valores  prehistóricos que conserva a cova de Eirós, este xacemento aínda pode correr perigo, ao atoparse no medio dunha explotación de pedra calcaria, cuxa concesión chega sobre a vertical da entrada á cova. É por iso que, desde ADEGA, consideramos urxente a declaración de BIC do xacemento, de feito que garanta a preservación deste importante elemento do noso patrimonio cultural e xeolóxico.

De atender esta petición, a cova de Eirós sería a primeira cova galega que estaría catalogada baixo este recoñecemento de protección, como Ben de Interese Cultural.

Ademais de ADEGA e a Asociación Socio-cultural do Iribio, únense a esta petición de declaración de BIC, varias personalidades da Cultura galega como as que se citan a continuación.

BIC_eiros_1

APOIAN ESTA SOLICITUDE:

Ernesto Sánchez Pombo. Xornalista e Director da revista Trasluz.

Felipe Arias Vilas. Historiador e Director do Museo do Castro de Viladonga.

Felipe Senén López. Historiador e Presidente da Asociación Amigos dos Museos.

Luis Díaz Cabanelas. Médico e vogal de Saúde Ambiental de ADEGA.

Aurelia Balseiro. Museóloga, Doutora en Arqueoloxía e Directora do Museo provincial de Lugo.

Francisco R. Lestegás. Catedrático en Xeografía e Director da Escola Universitaria do Profesorado de Lugo.

Alba Nogueira. Profesora Titular de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela.

Fernando Gómez Jácome. Biólogo, musicólogo e Director de vários coros en Lugo .

Aurora Grandal. Profesora no Instituto de Xeoloxía Parga Pondal da Universidade de Coruña.

Xoán Ramón Vidal Romaní. Catedrático de Xeoloxía pola Universidade da Coruña.

Antonio Rodríguez Colmenero. Catedrático de Historia (USC), Académico da R.A.G e Director do Museo de Belas Artes de Galiza.

Covadonga Carreño. Arqueóloga do Concello de Lugo.

Asociación Socio-Cultural do Iribio (Triacastela).

BIC_eiros_2

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s