Alegacións da nosa asociación ao proxecto mineiro en Corcoesto

corcoesto_628x250

A Asociación Socio-Cultural O Iríbio e presenta este documento coas seguintes ALEGACIÓNS en relación á

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración para as concesións de explotación Emilita n.º 1221, Ciudad de Landró n.º 1454 e Ciudad del Masma n.º 1455, que forman o coñecido como Grupo Mineiro Corcoesto, situado nos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Coristanco, da provincia da Coruña e promovido por Río Narcea Gold Mines, S.A. como proxecto industrial estratéxico segundo a Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia ,

PRIMEIRO: Que o Estudo Arqueolóxico existente na documentación deste proxecto, concretamente no anexo IV, non se corresponde co proxecto, pois o ámbito de estudo é muito menor da área afectada, ademais de apresentar graves deficiencias e lacunas, limitándose a citar uns poucos elementos patrimoniais catalogados, carecendo da correcta metodoloxía e o necesario traballo de campo.

Portanto, non existe unha correcta avaliación dos impactos no patrimonio arqueolóxico, co agravante de que a actividade mineira de ser aprovada produciría danos irreversíveis sobre dito patrimonio.

Coa documentación actual do proxecto sometido a Avaliación de Impacto Ambiental
non existen garantías para a preservación patrimonial, existindo unha falsificación documental que non se corresponde coa realidade do lugar.

Consideramos que a administración deve esixir un novo Estudo Arqueolóxico, realizado con independencia e rigor, e dita documentación deve ser novamente sometida a información pública con posibilidade de formular alegacións, pois senón estaríase a vulnerar os direitos dos interesados e afectados, que ficarían sen garantías de que dito Estudo Arqueolóxico e os impactos avaliados en relación a el posúen o rigor e a veracidade necesarios.

SEGUNDO: Que o impacto paisaxístico non está a ser correctamente avaliado, pois estanse a utilizar metodoloxías pouco rigorosas ao estudar distancias de 3 Km cando a escombreira se eleva a unha altitude de 240 m e fica visível a distancias de mais de 20 Km, co agravante de que parte das áreas onde impacta visualmente son espazos protexidos.

Tamén resulta chocante o reducido número de perfis e seccións do terreno en toda a documentación apresentada pola empresa, que é nula precisamente nos estudos de impacto visual. Consideramos insuficiente estudar a visibilidade só desde representacións gráficas en planta, con gráficos de pequeno tamaño que non son ampliados en ningún plano ou mapa anexo a maior escala. Ainda así, ao examinar eses gráficos do Anexo IV en detalle, pode comprobarse que están manipulados e falsificados, reducindo consideravelmente as áreas de visibilidade real tendo en conta a topografía que a propia empresa achega na documentación.

Tampouco se comprende como non se incorporan modelos infográficos en 3D ao estudo visual, cando a noutras partes documentais do proxecto son utilizados, e portanto existen. Todo indica a que existe mala fé na elección do material de apoio gráfico, pois estas infografias desde diferentes puntos de estudo darían unha visión rápida e inequívoca do verdadeiro impacto visual.

A mesma manipulación documental tamén existe nas fotografías incorporadas para o estudo paisaxístico, as cuais non son representativas, nen se escollen os puntos de vista desde os lugares mais valiosos no referente aos bens naturais e patrimoniais.

E finalmente, non existen fotomontaxes nen simulacións da paisaxe unha vez modificada, cunha enorme escombreira, unha balsa, un grande buraco, un río trasladado a unha canle artificial, e o sistema viario modificado.

Consideramos que a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza deverían pedir novos estudos visuais e de impacto paisaxístico con rigor, veracidade, e o detalle necesario. E estes novos estudos deverían ser sometido novamente a información pública para que os cidadaos poidan coñecer o que realmente se proxecta, o seu impacto, e formular as alegacións que consideren oportunas. Evadir esta cuestión sería vulnerar os direitos desas persoas e deixalas indefensas perante a administración.

TERCEIRO: Que o proxecto sometido a avaliación ambiental podería afectar gravemente o curso fluvial do río Anllóns e a súa desembocadura, ao modificar drasticamente o réxime hídrico das augas superficiais e subterraneas, tanto no cuantitativo como no cualitativo.

Este feito produce grandes impactos sobre o entoro natural deste río, a sua fauna, a sua flora, e as actividades agropecuarias que del dependen. Estes efeitos, amais de danar os ecosistemas directa e indirectamente, tamén impactan socioeconomicamente nas actividades que deles dependen, por exemplo o marisqueo na desembocadura.

O estudo dos impactos é claramente insuficiente, por non estudar o ámbito delimitado realmente afectado, senón só parcialmente.

O risco de contaminación por fuga de elementos químicos nas augas mariñas tampouco está a ser correctamente avaliado.

Pedimos que se analisen detalladamente os efeitos sobre estes ecosistemas e recursos naturais, a súa fauna e a sua flora, definindo claramente os caudais mínimos que existirán en cada fase da explotación e a composición química das augas actual e prevista, tendo en conta todos os minerais e materiais susceptíbeis de contaminar a auga unha vez iniciada a actividade.

CUARTO: Consideramos insuficientes os estudos de estabilidade dos taludes, balsa e escombreira, con pouco rigor técnico e graves deficiencias e erros nos cálculos sismorresistentes, existindo un grave risco de catástrofe con efeitos devastadores en caso de accidente.

En caso de quebra ou desmoronamento, non se están a estudar as hipóteses dos seus efeitos, portanto están ficando fora a avaliación posíbeis impactos que poderían ser non aceptábeis.

Tampouco existen protocolos e planos de emerxencia en caso de accidente, nen avais e seguros para reparar os danos socio-económicos, e até humanos, deles derivados.

A avaliación deses impactos socio-económicos non é aceptábel que fique en «sermos optimistas e rezar para que nada pase». Todas as posibilidades deven ser avaliadas.

QUINTO: No capítulo de conclusións sobre a valoración global, nas páxinas 195 e 196 do Estudo de Impacto Ambiental, «afírmase» que o impacto é compatíbel tomando as medidas preventivas e correctoras, despois de citar como impactos mais significativos 8 impactos negativos frente a só 2 impactos negativos. Curioso criterio.

Amais dase o caso de que dos impactos negativos a maioría son impactos irreversíveis, para os cuais non existen medidas preventivas nen correctoras posíbeis, a non ser a prohibición de execución deste proxecto.

No referente aos impactos positivos:

1.- «Creación de empleos directos e indirectos y obtención de un recurso mineral.»

A obtención do recurso natural existente no subsolo no noso país para lucro dunha empresa foránea, non ten outro nome que expólio de recursos, privatización dun ben público e usurpación da soberanía por parte dunha corporación.

A creación de emprego temporal, pois a actividade mineira e os postos de traballo a ela asociados está limitada no tempo a 9 anos, só benefícia a un insignificante número de persoas, e non se avalía a destrucción de emprego estável (agricultura, turismo, marisqueo, etc) consecuencia da actividade mineira. Portanto existe unha avaliación sesgada deste impacto, que tampouco é estudado socioeconomicamente a médio e longo prazo.

2.- «Restauración e integración paisajística de zona de explotación, y cesión de la
misma una vez finalizado el proceso de naturalización.»

Lembramos que a restauración e integración paisaxística na minaría a ceo aberto é unha obriga, non unha mellora, e as condicións non son equivalentes, pois os hábitats naturais, os solos, o espazo humano, os vínculos afectivos, etc creadas durante muitas xeracións, séculos e até millares de anos, non se restituen con ese plano de restauración.

Por outro lado, ceder á administración os terrenos que foron forzosamente confiscados a propietarios particulares tampouco supón ningunha situación equivalente.

Nestes criterios, como na imensa maioría das valoracións, os critérios son mais que dubidosos e demagóxicos.

Existe unha constante minoración de todo canto sería un impacto negativo e unha maiorización de todo canto se califica como impacto negativo.

Consideramos que existe unha evidente manipulación dos criterios e unha nula, insuficiente, ou falsa xustificación na valoración dos impactos.

Triacastela, 17 de maio de 2012

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s