Veciños de Triacastela e ADEGA reclaman a paralización da ocupación do monte comunal por Cosmos

RP_monte_comunal

ADEGA, a Asociación sociocultural O Iribio e a Asociación veciñal Monte Caldeirón reclaman ao concello de Triacastela que defenda o dereito dos veciños e veciñas sobre o monte comunal de Vilar, coñecido como A Pedra, fronte as pretensións de ocupación da empresa Cementos Cosmos. A empresa, amparada nun decreto franquista de 1971, xa iniciou os traballos de apertura de pistas e deforestación deste monte para estender a actividade mineira a ceo aberto da canteira de calcaria que posúe no concello de Triacastela.

Pese a que a empresa paralizou temporalmente a súa actividade na zona, ante a oposición veciñal á ocupación do monte comunal por parte da canteira e a interposición de accións na administración e na xustiza, Cementos Cosmos volve incidir na destrución deste monte veciñal alegando que a empresa é a propietaria legal.

Se ben a empresa sostén que expropiou dito monte en 1971, nun escuro procedemento de expropiación forzosa de urxencia ditaminado polo Consello de Ministros de Franco; o que realmente existe é tan só un documento de compra-venda desa parcela “por mutuo acuerdo entre entidad expropiada y la sociedad beneficiaria” asinado pola empresa e o alcalde daquela época. Daquela os montes comunais estaban baixo titularidade municipal. Sen embargo, dita compra-venda é de dubidosa legalidade e nula lexitimidade, porque segundo o dereito galego sobre montes comunais, estes son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables.

É por iso que os veciños atópanse no procedemento de recuperación de titularidade do monte comunal, que lles corresponde por dereito, e instan ao concello (actual titor do monte comunal) que defenda os intereses do pobo fronte as intencións de usurpación privada e ilegal de Cementos Cosmos, que ademais carece de licenza municipal para desenvolver a súa actividade na zona. Así foi como a Asociación Veciñal Monte Caldeirón, a Asociación Sociocultural do Iribio e ADEGA trasladáronllo á alcaldesa de Triacastela nunha reunión que tivo lugar no día de onte.

Por outra banda, os veciños de Triacastela solicitaron a paralización da canteira e denunciaron a ocupación do monte na Garda Civil, o cal deu lugar a apertura dunha dilixencia por delicto penal contra a empresa e que se está a instruír nos xulgados de Becerreá.

ADEGA apoia esta reclama dos veciños e veciñas de Triacastela na defensa dos dereitos do monte comunal que, dende tempos ancestrais, promoven unha xestión sustentábel do monte polos usufrutuarios que viven na zona, contribuíndo a que o medio rural non esmoreza. Por outra banda, defendemos esta causa por tratar de evitar un impacto sobre o medio natural, que non pasou o proceso obrigado de avaliación ambiental, e sobre os propios habitantes do lugar que ven afectados os seus xeitos de vida e as súas tradicionais estruturas de propiedade comunitaria. A arrogancia da empresa mesmo chega a manifestarse a través do bloqueo camiños naturais de acceso ás aldeas, como a do Castiñeiro, cuxos habitantes teñen que arrodear 12 quilómetros de máis para chegar ás súas casas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s