VIII ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL

A nosa asociación, coa intervención de Marcos Celeiro, participará no VIII ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL que organiza a Nova Escola Galega este ano en Samos nos días 7 e 8 de marzo, coa palestra «Políticas de abandono do rural»

VIII Encontro-Samos 2015-Cartel 2-page-001

O grupo de educación no rural de NOVA ESCOLA GALEGA (movemento de renovación pedagóxica) organiza o  VIII ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL, que levará por título Alternativas educativas de desenvolvemento rural comunitario.

Será na fermosa vila de Samos (Lugo), en atención e apoio ao interesante labor que a comunidade escolar local leva realizando nos últimos tempos. Realizarase en horario intensivo, o sábado 7 (todo o día) e o domingo 8 (pola mañá) do vindeiro mes de marzo.

Está dirixido a calquera persoa interesada na educación, no presente e futuro do rural e no traballo comunitario.

Debate pedagóxico, desenvolvemento rural integrado, presentación de boas prácticas educativo-rurais, análise do currículo desruralizante, escola pública versus autoxestión escolar, comunidade educativa, cultura rural galega, música da terra, poesía do noso labrego das letras (Fiz Vergara) e sobre todo boa compaña faranse alí presentes.

Todo o relacionado coa inscrición, programa, información sobre onde comer e onde durmir, etc. pode atoparse na web de Nova Escola Galega.
Os ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL son unha iniciativa singular de Nova Escola Galega que comeza no ano 2006 e da que se levan desenvolvido previamente sete edicións. Estes encontros interdisciplinares pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á sociedade no seu conxunto reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego, con especial atención ao papel que neste medio desenvolven a cultura e a educación, ben desde a propia institución escolar ou ben desde outras iniciativas de carácter socioeducativo e/ou comunitario promovidas por entidades diversas e asociacións do eido cultural. Desde os seus principios esta actividade procurou servir de espazo de encontro e confluencia de diferentes profesionais e colectivos para dar a coñecer e impulsar accións a prol dun futuro sustentable para o medio rural, horizonte no que o papel da cultura e da educación adquire unha importancia estratéxica, tal e como o recoñecen distintos organismos internacionais.

A escola rural, inserida no seu medio e permeable á cultura comunitaria, é considerada como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias que acadan sempre recoñecemento no ámbito profesional e unha forte consideración nas súas comunidades de referencia e entre a cidadanía. No pasado, a escola rural foi considerada un referente cultural –ás veces, o único– de primeira magnitude. Aquelas escolas comunitarias son o xerme do que hoxe se considera un dos referentes pedagóxicos máis ricos: as denominadas “comunidades de aprendizaxe”. Estas experiencias contan coa capacidade pedagóxica da propia comunidade e contribúen á consecución de aprendizaxes máis significativas e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación; son pois experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos particulares territorios de convivencia, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.

Diversos exemplos de iniciativas públicas deste tipo, pero tamén de escolas libres autoxestionadas, terán o seu espazo no programa da oitava edición do Encontro, que nesta ocasión levará por título ALTERNATIVAS EDUCATIVAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL COMUNITARIO precisamente coa intención de poñermos o acento na dimensión comunitaria que todo proceso de desenvolvemento sociocultural e educativo ha de posuír, e moi especialmente cando se contextualiza no medio rural. Na presente edición a sede do Encontro (sempre rotatoria polo territorio galego) será a fermosa vila de Samos (Lugo), concretamente o seu CEIP, co propósito de poñermos de relevancia e apoiar a modélica experiencia socioeducativa que a comunidade escolar local, especialmente sensibilizada a prol do medio rural, leva realizando nos últimos anos na liña antes sinalada.

A actividade realizarase en horario intensivo o sábado 7 (todo o día) e o domingo 8 (só de mañá) de marzo de 2015, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, mesa redonda, presentación de experiencias e boas prácticas educativo-rurais, un obradoiro sobre materiais didácticos) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para poñer de manifesto e gozar a cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música e baile da terra, literatura oral, artesanía, patrimonio arqueolóxico, ou poesía do labrego das letras (o poeta local Fiz Vergara Vilariño).

O grupo de educación no rural de NEG e a Asociación Un paso polo futuro (colectivo de nais e pais do CEIP de Samos) convocan pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada pulo futuro do medio rural, para que se animen a participar nestas dúas xornadas de análise pedagóxica, reflexión comunitaria e convivencia compartida.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s