Esta mañá tivo lugar en Vigo a vista oral do proceso que se segue contra o activista Marcos Celeiro, da asociación O Iribio, por suposto delito de danos contra o honor da empresa Cementos Cosmos, que desenvolve a súa actividade en Triacastela, enriba dunha das xoias da arte rupestre, a Cova de Eirós.
Á súa saída do xulgado, Marcos atopouse cun numeroso grupo de veciños de Triacastela, que se desprazaron ata Vigo para arroupalo durante o proceso. Estaban presentes na porta do xulgado tamén un considerable número de activistas de distintas organizacións medioambientais, nomeadamente de ContraMINAcción, rede contra a minaría destrutiva na Galiza, da que O Iribio fai parte. Ás persoas que se congregaron diante dos xulgados, habería que engadir o apoio expreso a Marcos Celeiro que deron medio cento de organizacións sociais de Galiza e do resto do mundo, que asinaron durante esta semana un manifesto de solidariedade.
As persoas alí presentes portaban diversas pancartas con lemas alusivos á defensa das liberdades, así como ao dereito a defender a nosa terra.
Na vista pública, ademais de Marcos, declararon un representante da empresa e dous peritos en cuestións relacionadas coas redes sociais. As conclusións de ambas partes (acusación e defensa), que non chegaron a lerse por falta de tempo, serán analizadas pola xuíza nun prazo de menos dunha semana, antes de que quede visto para sentencia.
O que está en xogo neste xuízo non é só se Marcos é ou non inocente (algo sobre o que desde ContraMINAcción non temos dúbida ningunha), nin se a empresa -que, non o esquezamos, acumula un gran número de denuncias nos xulgados por diversas irregularidades- ten ou non dereito a unha indemnización.
O que está en xogo é algo que vai moito máis aló: a nosa posibilidade de continuar loitando libremente para defender o noso medio ambiente e a nosa terra. E o noso dereito á liberdade de expresión.
Que vai ser das organizacións sociais se se ameazan as nosas liberdades?
Nin nos van calar, nin nos van parar.